GRUPO DE BAILE E GAITAS SANTAIA
Inicio
Presentación
Axenda
Contidos
Ligazóns
Contacto




A nosa historia:

O grupo fundouse no ano 1982 no seo da Asociación de Veciños, da que tomou o seu nome, dentro dun marco de iniciativas culturais propostas polos propios veciños, co obxecto de recoller, manter e transmiti-las antigas tradicións do noso pobo no eido musical e artístico.
Dende a súa fundación, e ó longo de todo este tempo, participou nas XUNTANZAS MARIÑANAS”, dende a 3ª edición, ademais de diversos actos culturais celebrados na bisbarra coruñesa, e outros espallados por toda a xeografía galega, merecendo ser destacados nos nosos primeiros anos as seguintes citas:

- Actuacións nas celebracións das “LETRAS GALEGAS”, no noso concello e nos de Cabana, Monfero.
- Fogueiras de San Xoan na cidade da Coruña.
- Festas patronais da nosa localidade, María Pita na Coruña, Ares, Corcubión, Mazaricos e Rianxo.
- Romarías: Loreto (en Porto do Son), Val de Xestoso (en Monfero)...
- Trofeo “TERESA HERRERA” da Coruña, nas edicións de 1990 e 1991.
- No eido dos concursos, ós que somos pouco aficionados, participamos en varias das edicións do que organiza anualmente “XACARANDAINA”, quedando nunha delas finalistas.
- O ano 1992 actuamos no recibimento do “FACHO OLÍMPICO” na súa chegada á praza de María Pita da Coruña. Tamén participamos como grupo invitado no “FESTIVAL INTERNACIONAL” DA VILA DE PEDROSO en Vilanova de Gaia - Porto (Portugal).

Este ano, foi o inicio da nosa proxección internacional, realizando intercambios culturais co devandito País irmán, entre os que destacamos os de: Rancho Rexional de Olival (1994), Tecedeiras do Areal de Santo Tirso (1995), Nosa Senhora dos Altos Ceus de Espiño (1995), Grupo de Danças e Cantares de Cortegaça (1997), Grupo Etnográfico de Freixo Ponte de Lima (1999)

No ano 2000 o lugar foi BRETAÑA, (FRANCIA), alí estivemos unha semana convidados pola BAGAD BOULVRIAG de Bourbriac.

Durante a nosa estadía na Bretaña, e máis en concreto dunha actuación espontánea na rúa, durante o festival de Loriént, fomos ollados polo organizador do festival CÉLTICA que se celebra a primeira semana de xullo de cada ano no Val Daosta, rexión autónoma do norte de Italia.

Alí acudimos no 2001 ostentando a representación galega e convivimos con outras manifestacións culturais, semellantes unhas e ben distintas outras. As primeiras, as bandas de gaitas de Bretaña e Escocia. As outras, os clans etnográficos da rexión alpina.
As nosas actuacións mereceron a honra de se-lo argumento dun artigo na revista que publica a organización a nivel europeo.

Seguindo coa nosa actividade tivemos a oportunidade de continuar percorrendo a Península Ibérica visitando diversos lugares:

- Braga (Portugal), ano 2002
- Vilanova de Gaia, Oporto (Portugal), ano 2004
- Miranda do Corvo, Coimbra (Portugal), no 2005
- Dos Hermanas (Sevilla) e Vélez-Málaga (Málaga) no ano 2006
- Coimbra (Portugal) no ano 2009
- Mieres e Arriondas (Asturias) no ano 2011

Todo isto ademais da nosa presencia en diversos pobos e celebracións ao longo da xeografía galega.

Merece especial mención a celebración do XXV ANIVERSARIO DO GRUPO SANTAIA (1982-2007)  no Parque Luis Seoane de Santa Cruz coa presencia de compoñentes actuais e históricos.

Toda a nosa productiva actividade logrouse a través da escola permanente de música e danzas tradicionais que vimos mantendo dende a fundación do grupo. Nela aprenden as nosas tradicións unha media de cincuenta alumnos, dos que teñen presencia nas actuacións ao redor de trinta.

Na actualidade, corresponde a dirección musical a Alexandre Ruiz Vázquez e Francisco Longueira Pan, sendo Lorena González Corral e José Luís Vázquez Rosales os que se encargan da danza.

SENTÍMONOS HONRADOS DE SER PREGOEIROS DA NOSA CULTURA POPULAR.